O Centro Cívico de As Somozas acolle o vindeiro mércores, 5 de xuño, o teatro infantil “Xogando a Reciclar”, unha actividade enmarcada na programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Este teatro cómico e didáctico sobre a reciclaxe dará comezo a partir das 12:30 horas e está destinada a público infantil e familiar.
Reciclaxe, humor, medio ambiente, espectáculo, lixo, participación do público…Neste espectáculo didáctico, en chave de clown, clasificaremos todos estes xéneros no seu correspondente contedor para concienciar dunha forma diferente, e sobre todo divertida, aos máis pequenos e que aprendan a importancia da reciclaxe.
Unha experta en reciclaxe terá que ensinarlle ó seu novo e torpe axudante tódolos segredos da separación de residuos e para iso contará coa axuda do público.

Pasamos a vida xerando lixo. Prácticamente todo vai envolto ou nalgún “paquete”, por iso é importante saber onde vai cada cousa. E a mellor maneira de aprender é XOGANDO E RINDO!