O Concello das Somozas inicia os traballos de reforma e acondicionamento do pavillón municipal. A intervención ten como obxectivo mellorar as infraestruturas e o equipamento técnico e deportivo da instalación.

A finalidade desta actuación, que suma máis de 61.000 euros con cargo á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, é de acadar unhas instalacións deportivas municipais modernas e actualizadas, que permitan facer deporte nas mellores condicións posibles e, deste xeito, facilitar o seu acceso tanto aos clubs como aos veciños e veciñas.

Segundo indica o rexedor, Juan Alonso, “continuamos mellorando as infraestruturas da nosa vila e, moi pronto, teremos un pavillón polideportivo mellorado e reformado, no que as entidades deportivas locais e a veciñanza poidan practicar deporte coas maiores facilidades”.

“Este equipo de goberno continúa coa aposta firme e decidida polo fomento do deporte e dos hábitos de vida saudables da nosa veciñanza”, engadiu Alonso.