A Consellería de Medio Rural publicou no Diario Oficial de Galicia unha orde pola que se regula o emprego de maquinaria agrícola durante o período de alto risco de incendio (ata o 30 de setembro) e para o caso de cando o IRDI sexa moi alto ou extremo. A través desta orde concrétase e desenvólvese a normativa autonómica e estatal actual e búscase facilitar os traballos que sexa necesario seguir levando a cabo durante esta época, ao mesmo tempo que se achega maior seguridade e prevención nos mesmos ás persoas que empregan esta maquinaria.
Tal e como se establece en dita orde, permítese a realización de actividades de carácter preventivo, silvícola ou agrícola que requiran a utilización de maquinaria dentro dos terreos forestais e as súas zonas de influencia, nos termos e coas recomendacións establecidos na actualización do Pladiga 2026, que detalla unha serie de recomendacións no capítulo do plan preventivo. A maiores, no caso de ter que desenvolver estes traballos na franxa horaria entre as 12.00 e as 18.00 horas, será preciso ter en conta dúas indicacións.