As tarefas de construción da senda peonil de Abeledo, ao seu paso pola estrada AC-110, avanzan a bo ritmo. Paralelamente, as obras da senda peonil na estrada AC-861 da Toca darán comezo nas vindeiras datas.

Unión entre a senda da Toca e Pena de Eiriz

A construción da nova senda peonil da Toca, que terá un investimento de máis de 115.000 euros e comezará nas vindeiras semanas, conformará o último tramo e a unión entre a senda da Toca e a senda de Pena de Eiriz.

Esta intervención, financiada pola Deputación da Coruña, contempla a realización desta travesía peonil de 400 metros de lonxitude e 1,80 metros de ancho. Ademais, previamente á execución do pavimento contémplase a canalización e arquetas con sumidoiro para recollida de augas pluviais e para a instalación de luminarias e iluminación pública.

A actuación tamén recolle a instalación dunha varanda en aceiro inoxidable para optimizar e reforzar a seguridade viaria.

Construción senda peonil en Abeledo

Paralelamente, avanzan a bo ritmo as obras da senda peonil no lugar de Abeledo, ao seu paso pola estrada AC-110, e que conta cun orzamento de 80.563 euros.

A construción desta senda realízase para mellorar a seguridade vial e conta cunha lonxitude de 430 metros e 1,80 metros de ancho.

Ademais, contémplase a canalización de 80 metros de tubería depolipropileno corrugado de 400 mm de diámetro, 3 pozos de rexistro con sumidoiro e 17 arquetas con sumidoiro, para a recollida de augas pluviais; e canalización de 437 metros de tubo de polipropileno verde coas correspondentes arquetas, para iluminación pública, previa escavación dunha buraco e posterior recheo compactado da mesma.

Completan a obra a colocación de 175 metros de varanda modular en aceiro inoxidable sobre o muro de bloques de granito.

Tras os anuncios, o alcalde de Somozas, Juan Alonso Tembrás, destacou que “con estas dúas importantes actuacións continuamos mellorando as comunicacións e infraestruturas do municipio e dando resposta ás necesidades da nosa veciñanza. Ademais, estas sendas mellorarán a seguridade vial das zonas e facilitarán o tránsito de tráfico rodado e peonil”.