• Fabricaranse en formigón prefabricado, dez centímetros de zahorra de canteira e quince de formigón coloreado, e tamén se creará un aparcadoiro.

O Concello das Somozas mellorará as beirarrúas na Garita nun espazo de máis de medio quilómetro de lonxitude e cun orzamento de 79.661,16 euros. Fabricaranse co bordo en formigón prefabricado, dez centímetros de zahorra de canteira e quince de formigón coloreado.

Así mesmo, está prevista a pavimentación de 240 metros cadrados para un aparcadoiro con aglomerado en quente para toda a superficie. Previa á execución do pavimento, contémplase a canalización dunha tubaxe de polipropileno para a iluminación pública, cando discorra baixo a calzada, e instalarase unha tubaxe de reserva.

Construirase tamén un muro de pedra de 80 metros de lonxitude e 1 metro de altura para a contención de terras, e colocaranse 80 metros de varandas de madeira tratadas para resistir as inclemencias meteorolóxicas.

Quedarán preinstalados os elementos para colocar novos puntos de luz, 21 arquetas prefabricadas para o alumeado e a adaptación dos pozos e as arquetas á nova rasante.

O alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, sinala que “se trata duns traballos moi importantes no que a mellora dos servizos se refire, xa que a seguridade peonil se verá incrementada e a iluminación optimizarase, coa correspondente mellora estética e tamén de aforro para as arcas municipais”, asegura o primeiro edil.