O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, asinaron un convenio de colaboración para adherir o noso Concello ao programa Xantar na Casa, da Xunta de Galicia. Con esta iniciativa achegarase menús sans e equilibrados a un máximo de 10 beneficiarios, entre maiores que viven sos, persoas dependentes ou que están en risco de exclusión social.

Este convenio responde á demanda detectada polos servizos sociais do Concello, que son os encargados de seleccionar aos usuarios. A Xunta encárgase de financiar o 50% do custe da comida, mentres que a outra metade corre a cargo do Concello e dos usuarios a partes iguais.

A comida repártase nos domicilios nunha única entrega para todos os días da semana —incluídos sábados, domingos e festivos—, polo que o destinatario soamente ten que quentala antes de consumila. Ao usuarios do programa tamén se lles facilitan os electrodomésticos que necesiten no caso de que careza deles, como neveira e microondas.