O Concello das Somozas celebra a excelente acollida que tivo a recente exposición do obradoiro de manualidades “Historias feitas a man”, que tivo lugar nas instalacións do Centro Cívico Sociocultural durante os días 21 e 22 de maio.

A iniciativa serviu como colofón ao taller desenvolvido ao longo dos últimos meses no recinto municipal e que superou todas as expectativas, converténdose nun éxito grazas ao gran respaldo por parte da veciñanza.

A mostra permitiu expoñer ao público todo o traballo, a creatividade e a dedicación das 17 persoas que participaron activamente nesta edición do obradoiro. O fío condutor do evento foi poñer en valor todo o material e as pezas realizadas a man ao longo de todo o ano, convertendo o centro cívico nun espazo de encontro e celebración da cultura local.

Os veciños e veciñas do municipio achegáronse para apoiar o talento das persoas participantes, xerando un gran ambiente e creando comunidade.

O alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, fixo un balance moi positivo da iniciativa, destacando a importancia de manter vivos estes espazos: “Estamos moi contentos coa excelente acollida que tivo esta iniciativa por parte da veciñanza”. “Desde o Concello seguiremos promovendo este tipo de actividades de ocio e lecer, que buscan visibilizar o talento local e crear comunidade”, declarou o rexedor.