O CEIP O Marbán xa conta cunha nova estrutura cuberta para o seu areeiro, grazas á actuación realizada polo Concello das Somozas que investiu máis de 11.000 euros, a cargo de fondos propios, para a execución desta importante mellora na instalación educativa.

O goberno local, deste xeito, pon solución a esta demanda para mellorar as condicións do recinto educativo e que a rapazada poida seguir desfrutando do seu tempo libre neste espazo da escola, aínda que as condicións meteorolóxicas non sexan as mellores.

Así, a través desta actuación, o areeiro do colexio xa conta cun lugar de lecer funcional durante todo o curso escolar, evitando que a chuvia ou o sol excesivo impidan o xogo ao aire libre. Coa nova estrutura, o centro garante que os nenos e nenas dispoñan dun entorno protexido que fomenta a convivencia e o desenvolvemento físico en condicións de seguridade e comodidade.

Desde O Marbán expresan o seu agradecemento ao Concello por esta intervención municipal, asegurando que este tipo de actuacións contribúen de maneira directa e moi positiva ao benestar do alumnado do centro, pero tamén á mellora das instalacións educativas, creando así espazos máis confortables e adaptadas ás súas necesidades.

O alcalde, Juan Alonso Tembrás, destacou que “a comodidade dos nenos e nenas nos centros educativos é primordial para que poidan seguir aprendendo de forma óptima. Por iso, na medida do posible, o concello actuará para cumprir este tipo de necesidades empregando os recursos dispoñibles”.