O Concello das Somozas é un dos 20 concellos galegos que participará no proxecto Aloumiños, unha iniciativa que ten como obxectivo favorecer as relacións sociais e veciñais e o envellecemento activo.

Dentro deste proxecto, terá lugar un almorzo comunitario que se realizará o vindeiro martes, 9 de setembro, ás 10:00 h, na Casa do Maior do Concello das Somozas. Alí explicarase a programación prevista para os próximos meses e as persoas que decidan acudir poderán coñecerse e inscribirse para participar activamente nas mesmas.

O proxecto Aloumiños é unha iniciativa impulsada polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia xunto co Sergas, así mesmo, conta co apoio do Ministerio de Sanidade e da Xunta de Galicia e dos Concellos participantes. Este proxecto ten como un dos seus principais obxectivos fortalecer o tecido social e mellorar a saúde física e mental da poboación mediante a dinamización e a intervención sociocomunitaria.

Esta iniciativa, especialmente dirixida a persoas maiores de 65 anos, está aberta á participación de toda persoa interesada.

As actividades que se promoven están centradas na promoción das relacións sociais e veciñais. Todas elas desenvolvernase desde un enfoque transversal, participativo, reflexivo e transformador. Na programación destacan as andainas na natureza, sesións de benestar emocional, exercizos cardiovasculares, obradoiros sociosanitarios e outras actividades culturais, sociais e de lecer.

Esta iniciativa considérase de alto interese para tecer relacións sociais entre a cidadanía e favorecer o envellecemento activo da poboación, cos beneficios que iso implica para a saúde física, mental e o benestar persoal e social.

As persoas que non poidan asistir aos almorzos comunitarios pero desexen información ou queiran participar, poden chamar ao 698165131 (Sandra).