O goberno local continúa traballando para mellorar os servizos e infraestruturas dos veciños e veciñas. Tanto é así, que o Concello está tramitando un novo paquete de obras que suma un investimento de, aproximadamente, 360.000 euros. Entre as actuacións, están actualmente en licitación a execución dunha senda no lugar das Latas, a mellora do acceso a Bustabade e María de Amido, o acondicionamento do firme de acceso a Pradavella e a mellora da rede de abastecemento no Fontelo. A isto hai que sumar o reforzo da seguridade viaria no cruzamento entre o polígono e Parañoi, que arrincará proximamente tras a resolución da licitación.

Por unha banda, no caso da intervención en Latas, executarase unha nova senda peonil de 260 metros xunto á DP-7010 con drenaxe de augas pluviais, canalización para iluminación pública e mellora da sinalización. O Concello actuará tamén en varios camiños, como nos accesos a Bustabade e María Amido, Vilachave e Pradavella. En todos os casos, os traballos consistirán na mellora do firme e na limpeza de cunetas e drenaxes.

Pola outra, a través do proxecto de seguridade viaria no cruzamento do polígono industrial con Parañoi, o Concello renovará máis de 400 metros de beirarrúas na zona, creando novos itinerarios peonís, actualizando a rede de pluviais e modernizando o sistema de iluminación. As obras implicarán, ademais, o acondicionamento do acceso a Cabalar mediante o acondicionamento do firme e actuacións de drenaxe.

Rede de abastecemento

A isto hai que engadir as intervencións de modernización da rede municipal desde Fontelo, co que se actuará en distintos puntos do termo municipal: A Igrexa, o parque  industrial, As Enchousas e As Cortiñas. As actuacións incluirán a substitución e instalación de novas válvulas redutoras de presión, a construción de arquetas, a renovación dos equipos obsoletos e reorganización da rede hidráulica para optimizar o funcionamento do sistema.