O Concello das Somozas conseguiu, por terceiro ano consecutivo, tres ‘Flores de Honra’ na súa participación no programa ‘Vilas en Flor Galicia’.
A edición deste ano contou con 41 concellos inscritos e onde o alcalde, Juan Alonso Tembrás, recibiu o galardón o pasado 14 de novembro nun evento celebrado no Fórum Carballo, concello anfitrión da gala.
Este certame, impulsado pola Fundación Juana de Vega, recoñece en forma de galardóns, chamados Flores de Honra (entre 1 e 5), a traxectoria e as accións levadas a cabo polos municipios galegos de menos de 40.000 habitantes na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.
Este programa, que distinguiu ao municipio somocense con tres Flores de Honra por terceiro ano consecutivo, está encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestructura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos.
A filosofía deste programa persegue unha mirada máis ecolóxica e sostible ao territorio, tanto desde un prisma estético como ecofuncional, entendendo o resultado, a paisaxe, como un escenario sinérxico onde conflúen valores ambientais, culturais, históricos e sociais para alcanzar mellores sitios para vivir para os seus habitantes.
O alcalde, Juan Alonso Tembrás recolleu o premio e destacou “a importancia de recibir recoñecemento para un municipio como As Somozas, que destaca a xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación da veciñanza no coidado da contorna”. Tamén sinalou “o orgullo de que a nosa vila sexa recoñecida neste certame con 3 flores de honra por terceiro ano consecutivo, nunha iniciativa de tanto calado a nivel social en toda a comunidade galega”.
| FLORES DE HONRA 2025 |
| 4 Flores de Honra (5 concellos): Allariz, Carballo, Chantada, Salceda de Caselas, Tomiño.
3 Flores de Honra (13): Arteixo, Caldas de Reis, Cambados, Carballiño, Lalín, A Laracha, As Pontes de García Rodríguez, O Rosal, Salvaterra de Miño, San Sadurniño, As Somozas, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo. 2 Flores de Honra (14): Abegondo, Cuntis, Curtis, A Guarda, Leiro, Manzaneda, Marín, Mondariz-Balneario, Oza-Cesuras, Ponteareas, Sada, Sanxenxo, Sarria, Tui. 1 Flor de Honra (9): Covelo, Culleredo, A Estrada, Mondariz, Mos, As Neves, Pobra de Trives, Ponteceso, San Xoán de Río. |
- Foto: Concello de Carballo
- Foto: Concello de Carballo
- Foto: Concello de Carballo
- Foto: Concello de Carballo



