O Concello das Somozas iniciou esta semana os traballos de pintado no CEIP O Marbán e no estadio Alcalde Manuel Candocia. Estas actuacións contan cun orzamento total de 91.101,47 euros financiados con fondos propios.

Entre as melloras que se están executando inclúese o pintado tanto interior como exterior do centro de ensino, que quedará totalmente renovado de cara o reinicio das aulas no mes de setembro. Así, a actuación no interior supón un investimento de 24.442,34 euros, mentres que os traballos na parte exterior do recinto alcanzan os 44.875,14 euros.

Por outra banda, tamén se están a realizar melloras varias nas instalacións do complexo deportivo Alcalde Manuel Candocia. Os operarios comezaron co pintado de diversas estancias no campo de fútbol, como os vestiarios ou o ximnasio. Neste caso, o Concello destina 21.783,99 euros ao proxecto de renovación.

O obxectivo destas intervencións, como explicou o alcalde, Juan Alonso Tebrás, pasa por “manter o conxunto de infraestruturas municipais no mellor estado de conservación posible”. “A rapazada contará cun colexio totalmente renovado cando se inicie o curso escolar”, engadiu.