O Concello das Somozas acaba de sacar a licitación o proxecto de renovación do sistema de iluminación con tecnoloxía LED no núcleo da Garita, na parroquia das Somozas, cun orzamento de 57.063 euros.

Esta intervención, incluída dentro do Plan Único da Deputación da Coruña, contempla a mellora da seguridade e da eficiencia da rede de iluminación municipal. Segundo explicou o alcalde, Juan Alonso Tembrás, posibilitarase un “significativo aforro económico e enerxético coa incorporación desta tecnoloxía, que ademais ofrece unhas condicións de luz de maior calidade”.

A actuación contempla a instalación de 18 puntos de luz para o sistema de iluminación viario coas súas correspondentes columnas, brazos e caixas de derivación, incluído a rede de cables.

Os traballos realizaranse na AC-110, unha vía que se compón de dous carrís de circulación e dúas beirarrúas laterais. O sistema de iluminación proxectado será a tresbolillo, ca execución da posta a terra de toda a instalación.