O Concello das Somozas recibirá unha partida de 971.824,35 euros dos Fondos de Transición Justa para converter catro antigas escolas municipais en vivenda social e de equipamento sociocomunitario.

O proxecto beneficiará ás escolas das parroquias de Enchousas, As Somozas, Seixas e Recemel, algunhas que “presentan un estado de notable deterioro e que grazas a esta aportación poderán rehabilitarse por completo e facer un uso social con elas”, tal e como destacou o alcalde de Somozas, Juan Alonso Tembrás.

Así, as antigas escolas de Enchousas e Recemel remodelaranse por completo co obxectivo de acoller ás familias que o precisen. Mentres, as de Somozas e Seixas experimentarán unha rehabilitación en termos de eficiencia enerxética e destinaranse a usos sociais.

As obras de rehabilitación a executar contemplan o mantemento e mellora dos illamentos exteriores, illamentos da cubertas e cambio das carpinteiras, entre outras.

“Esta reforma é unha demanda histórica da veciñanza, que permitirá non só cubrir as necesidades sociais das persoas vulnerables, senón tamén manter o vínculo emocional cos veciños e veciñas manteñen con estas escolas posto que moitas das persoas residentes de Somozas estudaron nelas”.