As Somozas conmemorou o 8M, Día Internacional da Muller, con actividades en favor da igualdade enfocadas para toda a veciñanza ebaixo o lema ‘Respecto e nada máis’.

Así, instalouse unha estación de reparación de bicicletas na praza ao carón do Centro Cívico Sociocultural da Igrexa que inclúe estación de mantemento con ferramentas, bomba de pé e aparcabicis.

Para todas as idades

Ademais, a rapazada do CEIP O Marbán e a Casa Niño, así como tamén as persoas maiores usuarias da Casa do Maior, recibiron bolsas para bicicletas e botellas reutilizables co lema da campaña.

O Concello tamén preparou folletos informativos nos que se trataron temas en prol da igualdade como a denuncia dos micromachismos no noso día a día ou os diferentes ámbitos nos que a sociedade debe aprender a convivir de xeito igualitario.

Estas actividades foron financiadas a través fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, así como tamén polo Concello das Somozas.

Por outra banda, a Axencia de Lectura da localidade preparou unha escolma de libros con temática feminista enfocados tanto ao público infantil e xuvenil, como ás persoas adultas. A selección de libros inclúe poesía, narrativa, ensaio e banda deseñada. Ademais, os nenos e nenas da Casa Niño Alba, elaboraron un mural conmemorativo que estivo exposto para toda a veciñanza.