Do 16 ao 23 de marzo, varios equipos da comarca, incluído un do municipio somocense, participará no Raid Solidario que pasará por varias poboacións afectadas polo terremoto de Marrocos, acontecido o pasado mes de setembro.

Como axuda, o Concello das Somozas realizará unha recollida solidaria de alimentos non perecedoiros e material escolar en beneficio das persoas afectadas por esta catástrofe natural.

Ata o 8 de marzo, e en horario de 9:00 a 13:00 horas, haberá unha zona habilitada na Casa Consistorial das Somozas para que todas as persoas que o desexen poidan achegarse e realizar as súas doazóns para esta causa solidaria.

O Concello das Somozas convida a participar e colaborar nesta acción solidaria para que o equipo que parte da vila poida levar unha gran cantidade de material e víveres ata as persoas afectadas en Marrocos.

O alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, destacou que “desde As Somozas intentamos sempre colaborar con todo tipo de accións solidarias e consideramos que con esta iniciativa podemos poñer o noso graiño de area para intentar axudar a todas as persoas afectadas por esta terrible catástrofe natural acontecida no país veciño o pasado ano”.