O pasado martes, 9 de setembro, a Casa do Maior das Somozas acolleu a presentación do Proxecto Aloumiños, unha iniciativa que ten como obxectivo favorecer as relacións sociais e veciñais e o envellecemento activo. Alí explicouse a programación prevista para os próximos meses e xa se realizaron as primeiras inscricións, aínda que todavía poden unirse máis persoas.

A presentación, realizada pola educadora social, contou coa presenza do alcalde, Juan Alonso Tembrás, e membros de tecido asociativo e tamén veciñanza interesada en participar das distintas actividades que se levarán a cabo.

Na presentación, acordouse que as actividades levaranse a cabo os mércores, en horario de 10:00 a 12:00 h na Casa do Maior, e poderan empregarse máis instalacións municipais dependendo do número de persoas asistentes e das actividades que se vaian deseñando.

Desde o Concello das Somozas lembramos que está disposición da veciñanza o servizo de transporte municipal, polo que se algunha persoa quere usar este servizo deberá chamar ao 881 042 066. (Prégase que se avise con 48h de de antelación como mínimo, co fin de organizar as rutas do transporte).

O Concello das Somozas é un dos 20 concellos galegos que participará no proxecto Aloumiños, unha iniciativa impulsada polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia xunto co Sergas, así mesmo, conta co apoio do Ministerio de Sanidade e da Xunta de Galicia e dos Concellos participantes. Este proxecto ten como un dos seus principais obxectivos fortalecer o tecido social e mellorar a saúde física e mental da poboación mediante a dinamización e a intervención sociocomunitaria.

Esta iniciativa, especialmente dirixida a persoas maiores de 65 anos, está aberta á participación de toda persoa interesada.

As actividades que se promoven están centradas na promoción das relacións sociais e veciñais. Todas elas desenvolvernase desde un enfoque transversal, participativo, reflexivo e transformador. Na programación destacan as andainas na natureza, sesións de benestar emocional, exercizos cardiovasculares, obradoiros sociosanitarios e outras actividades culturais, sociais e de lecer.

Esta iniciativa considérase de alto interese para tecer relacións sociais entre a cidadanía e favorecer o envellecemento activo da poboación, cos beneficios que iso implica para a saúde física, mental e o benestar persoal e social.

As persoas que desexen información ou queiran participar, poden chamar ao 698165131 (Sandra).