Este venres, 27 de marzo, a Axencia de Lectura das Somozas acollerá a presentación da novela Marzo, da autora Tania Sabín, unha obra que vén de ser protagonista no club de lectura en castelán das Somozas e que agora se achega ao público nun encontro aberto e participativo.

A novela preséntanos a Sofía, unha muller que comeza a cuestionar a rutina na que está inmersa. A súa relación co seu noivo, Nacho, non contribúe a romper ese ciclo repetitivo, pero todo cambia ao longo do mes de marzo, cando coñece a alguén que alterará por completo o seu día a día. Con todo, será un proceso interno o que marcará un punto de inflexión na súa vida, levándoa a tomar unha das decisións máis importantes do seu camiño persoal.

O acto desenvolverase na Axencia de Lectura das Somozas (Centro Cívico Sociocultural) en horario de 18.00 a 20.00 horas e será unha oportunidade única para coñecer de primeira man á autora, afondar nos detalles da obra e compartir impresións sobre a lectura.

Ademais, entre todas as persoas asistentes sortearanse seis exemplares da novela, o que engade un atractivo especial á xornada.

Desde a organización anímase a toda a veciñanza a participar neste encontro literario e a descubrir unha historia que convida á reflexión sobre os cambios e o crecemento persoal.