O Concello das Somozas pon en marcha un proxecto de posta en valor do patrimonio coa reparación de tres lavadoiros situados en diferentes puntos do municipio somocense.

Os tres lavadoiros están situados no lugar do Coto e nas parroquias da Toca e Seixas. Todos eles presentan deficiencias propias do paso do tempo e, polo tanto, recibiron unha actuación integral para recuperar o seu mellor aspecto e evitar posibles danos permanentes na súa estrutura. Deste xeito, ademais, poderán seguir sendo utilizados pola veciñanza que o desexe.

“Con esta intervención non só protexemos o noso patrimonio, senón que tamén é un xeito de poñelo en valor e dalo a coñecer para que as futuras xeracións non esquezan as nosas raíces, de onde vimos. Porque só ese é o xeito de saber cara onde vamos”, explicou o alcalde das Somozas, Juan Antonio Tembrás.