O alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, xunto ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, inauguraron hoxe o renovado campo de fútbol Alcalde Manuel Candocia, tras a finalización das obras de substitución do seu céspede artificial, financiadas entre a institución provincial e o concello. No acto participaron ademais representantes provinciais e do goberno municipal, das empresas que desenvolveron as obras e do equipo local, a Unión Deportiva Somozas.
A actuación contou cun investimento total de 223.854,46 euros, dos que a Deputación achegou 179.083,56 euros, o 80% do orzamento total, a través dun convenio de colaboración co Concello, que achegou o 20% con fondos propios.
Os traballos consistiron na retirada do antigo céspede artificial e na verificación da capa soporte, á que se incorporou un novo céspede de última xeración, formado por unha banda elástica prefabricada de escuma de polietileno expandido e filamentos tricolores de 45 milímetros de altura, con baseamento de dobre capa de propileno.
Formoso destacou que esta actuación “mellora unha instalación deportiva emblemática do municipio e pon a disposición da veciñanza un campo de primeiro nivel para a práctica do fútbol”, subliñando ademais “o compromiso da Deputación coa mellora das infraestruturas locais e co apoio aos concellos máis pequenos da provincia”.
Pola súa parte, o alcalde Juan Alonso Tembrás agradeceu o apoio da Deputación e sinalou que a obra supón un salto de calidade nas instalacións municipais, moi utilizadas tanto polos equipos federados como pola veciñanza, e garante o seu uso en condicións óptimas durante moitos anos.









