O Concello das Somozas acaba de sacar a licitación o proxecto de construción dunha senda peonil na estrada AC-861 da Toca, no que investirá máis de 115.000 euros, e que conformará o último tramo e a unión entre a senda da Toca e a senda de Pena de Eiriz.

Esta intervención, financiada pola Deputación da Coruña, contempla a realización desta travesía peonil de 400 metros de lonxitude e 1,80 metros de ancho. Ademais, previamente á execución do pavimento contémplase a canalización e arquetas con sumidoiro para recollida de augas pluviais e para a instalación de luminarias e iluminación pública.

A actuación tamén recolle a instalación dunha varanda en aceiro inoxidable para optimizar e reforzar a seguridade viaria.

O alcalde, Juan Alonso, subliña “continuamos mellorando as comunicacións e infraestruturas do municipio e dando resposta ás necesidades da nosa veciñanza”.

Con esta actuación “seguimos mellorando a seguridade viaria da nosa vila, co obxectivo de que tanto os vehículos como os peóns que discorren por elas conten cun espazo axeitado e seguro”, rematou.