O Concello das Somozas continúa os seus plans de mellora das infraestructuras e de seguridade vial en diversos puntos do municipio. Así, vén de rematar os traballos de construción das beirarrúas e do alumeado na zona da Garita.

As novas zonas peonís melloran un espazo de máis de medio quilómetro de lonxitude no que o Concello investiu máis de 79.000 euros. Fabricáronse co bordo en formigón prefabricado, dez centímetros de saburra de canteira e quince de formigón coloreado.

Segundo explicou o alcalde, Juan Alonso Tembrás, o goberno local segue a “concretar proxectos cos que mellorar a rede de infraestruturas e ofrecer novas prestacións á veciñanza”.

Nova iluminación led na Garita

Paralelamente, o Concello das Somozas optimizou as condicións lumínicas na zona da Garita cun proxecto no que investiu máis de 46.000 euros. Instalaranse 18 luminarias LED coas correspondentes columnas, brazos e caixas de derivación.

A vía na que se intervirá componse dun espazo con dous carrís de circulación de 8 metros de ancho en total e dúas beirarrúas laterais dun metro e medio cada unha.

Realizouse a posta a terra de toda a instalación e completará a actuación a colocación dun cadro de mando coa conseguinte protección.

“Estas obras responden a unha demanda da veciñanza, e suporá un avance respecto ás condicións estéticas e de seguridade da zona da Garita”, asegurou Alonso Tembrás.