O alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, acompañado por membros do goberno local, recibiron hoxe á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, na súa visita ao local social do Fronzal, onde o Concello vén de executar obras de mellora grazas a unha achega de máis de 110.000 euros da liña non competitiva das axudas do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) do pasado ano.
A intervención, valorada en algo máis de 38.000 euros, consistiu no acondicionamento do inmoble, unha das escolas unitarias coas que conta o municipio, como aula da natureza para así dispoñer dun espazo nun entorno rural no que desenvolver obradoiros e charlas veciñais vinculadas á concienciar aos veciños sobre o coidado do medio ambiente.
Posteriormente, acompañada polo rexedor somocense, a responsable autonómica desprazouse á piscina municipal onde, con cargo tamén a esta liña de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, ampliouse o peche perimetral das instalacións, dotando á área recreativa existente de maior espazo. Ademais coa axuda sufragáronse os gastos de contratación de persoal para o funcionamento de diferentes servizos municipais.


