O Concello das Somozas prepárase para celebrar a segunda edición da súa gran noite meiga, unha cita que busca dar a coñecer e recuperar as tradicións que acompañan a esta data tan arraigada e combinar o entretemento familiar coa cultura galega nunha contorna natural única.

Esta edición celebrase o luns, 23 de xuño, a partir das 20:00 horas, na área recreativa do Carballo e inclúe propostas e unha programación de lecer para todas as idades.

Entre as actividades programadas destacan as propostas para o público máis novo, con actividades de animación infantil, así como unha sardiñada popular, a cacharela e unha queimada para toda a veciñanza que se achegue á zona.

A celebración contará tamén coas actuacións musicais en directo de “Os Piñeiros Band”, actuación que conta coa subvención da Rede Cultural da Deputación da Coruña, e “The FabulousFrank Fairlane Dj”.

O alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, anima a toda a veciñanza a gozar desta segunda edición noite meiga, “unha proposta cultural que gozou dunha gran acollida o ano pasado e que pretende ser un punto de encontro interxeneracional e ofrecer un evento lúdico, cultural e gastronómico nunha contorna natural única como é a de O Carballo”.