As Somozas acollerá o 23 de setembro un taller de musicoterapia, onde as persoas asistentes poderán identificar e coñecer estilos de música, traballar co corpo e a voz ou tocar instrumentos.
Esta actividade, que está organizada pola Escola Galega de Saúde para Cidadáns en colaboración co Concello das Somozas, estará impartida polo profesor de música do Conservatorio profesional da Coruña, Damián Cairo.
Así, o taller realizarase en horario de 16:30 a 20:30 horas no salón de plenos do Concello e o obxectivo desta iniciativa é prever e axudar a incrementar e restablecer a saúde física e mental a través da música.
A actividade está dirixida a poboación adulta, coidadores/as e veciñanza en xeral. As persoas interesadas poderán inscribirse chamando ao teléfono do departamento de Servizos Sociais, no 981 40 41 01.