O Centro de Ocio Infantil das Somozas volverá converterse, un ano máis, nun espazo de encontro e diversión durante a Semana Santa. Do 30 de marzo ao 6 de abril organizaranse distintas actividades destinadas á rapazada nos días non lectivos.
As xornadas desenvolveranse en horario de 9:30 a 13:30 horas, permitindo ás nenas e nenos gozar de diferentes propostas adaptadas ás súas idades e intereses. O programa dará comezo o luns 30 de marzo cun obradoiro artístico, no que a creatividade será a protagonista. Ao día seguinte, martes 31 de marzo, terán lugar xogos deportivos que fomentarán o exercicio físico e o traballo en equipo.
A programación continuará o 1 de abril cun obradoiro de cociña, onde os máis pequenos poderán aprender nocións básicas do mundo culinario. Finalmente, o 6 de abril pecharase esta iniciativa cunha xornada de xogos populares.
As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición directamente no Centro de Ocio Infantil, seguindo a orde de chegada. Cómpre ter en conta que as prazas son limitadas, polo que se recomenda realizar a inscrición coa maior antelación posible.